¡¡13 días para inmortalizar o son de Bico!! Ao vivo, nun estudio, todos ao unísono. Para mí non existe outra forma, aínda que respecto aos que pensan diferente (é coña;)).
Tan espontánea vai ser a historia que nin sequera sabemos con seguridade que temas imos gravar. Temos unha lista de temas propios ensaiados. A consigna é chegar, tocar e grabar o que dea tempo a gravar. Temos un día. Cando rematemos, ao bar a tomarnos unha cervexa, ou mellor dito o seu plural. Despois, para casa máis contentos que o día que aos pais de Feijóo lles dixeron que o seu fillo non era retrasado, que só o parecía; que tampouco esperaran milagres, que ben del todo tampouco era. É que somos unha banda empática e cariñosa como poucas. Carallo, ¡que nos chamamos Bico!! Para os menos duchos nesto de ser políglota, o nome significa “kiss” en inglés, “beso” en castelán.
Nin que dicir ten que somos raros, weirds, para que me entendades os máis internacionalistas. Imaxinade que dúas terceiras partes do grupo son galegofalantes; outro, que son eu, bilingüe, mais criado en castelán… e cantamos en galego. Porque claro, a maioría de grupos do Estado español que cantan en inglés é porque os seus pais lles falaban en dito idioma desde a súa máis tenra infancia. É ben sabido que neste país non fala inglés o que non quere. Xente rebelde como Abascal, Feijóo ou Rajoy. O resto parece nacer no mesmo Westminster. Por iso, o raro é que, sendo galegos e falando en galego, cantemos en galego. Un suicidio comercial en toda regra, sabendo que noutro caso estariamos chamados a competir na liga de Rosalía (non a de Castro, que aí non alcanzamos), C. Tangana (tanganas non, pero folloneiros somos un anaco) ou Adele. Xa non digo nada do raro dos grupos cuxos membros teñen como lingua de comunicación o castelán, e cantan en castelán!! Raro de carallo, si.
É sabido que o rock and roll, o garage-punk e o punk-rock é o que pega agora entre a xuventude. Se a iso lle sumades que, a pesar de non sermos un grupo panfletario, pegamos algunha que outra labazada lírica ao ultradereitismo dominante, pois aí o tedes: ¡vamos arrasar!!
Seguiremos informando, pero de momento ocorréuseme que vou presentar á banda. Comezaremos pola base, the drums, a batería en castelán. A gran, a inigualable raíña das ondas: Beti!!
Deixemos que se presente ela mesma:
Levo case 20 anos dándolle aos tambores e non penso baixar o ritmo. Son a batería do grupo: enerxía, pegada e algunha que outra baqueta voando. Cando non estou marcando o tempo, podes atoparme intentando domar as ondas facendo surf, pintando o que se me pase pola cabeza ou apuntándome a calquera plan que mole, sen pensalo dúas veces. Entre o mar, o rock e a familia, vou ó meu compás: calma por fóra, groove por dentro.
Comentarios
Publicar un comentario